Fío de Twitter publicado orixinalmente o 15 de novembro do 2024
Veña, pois vou facer ese fío (non creo que sexa moi "mini" ao final).
Antes de nada un disclaimer: aínda que eu sexa enxeñeiro informático, non son un experto en ningunha destas redes sociais, así que non descarto cometer erros; e se alguén detecta algún agradecería o aviso.
A orde de contidos vai ser: que é o tema da "federación" e por que é importante, que é Mastodon e Bluesky, como resolve o tema cada unha delas, que implicación ten isto para os usuarios (por exemplo en temas de moderación), e opinión final.
Xa vos adianto tamén que non vou comparar funcionalidades das apps (por exemplo Mastodon non ten citados e Bluesky non ten cadeados), porque iso acabarán tendo todas todo, e entendo que non é o máis importante tampouco.
Dito isto:
QUE É FEDERACIÓN?
Historicamente as redes sociais foron o que ás veces se chama "wallen gardens" (xardíns valados), é dicir: se ti tes unha conta en Twitter os teus datos de usuario están nos servidores privados de Twitter e só podes interactuar con outros usuarios de Twitter.
Como resposta, dende a comunidade opensource saíron distintas propostas de redes federadas, como puideron ser GNUSocial, Diaspora*, Mastodon e demais.
Que significa isto? Que se eu teño conta en A e ti en B, e A e B están federadas, podemos comunicarnos...
...e compartir mensaxes e publicacións como se estivésemos no mesmo sitio. E que por tanto, se o servidor A vai tomar polo cu, a rede segue existindo e funcionando; e se eu decido cambiarme a outro servidor, sigo mantendo a posibilidade de seguir en contacto coa mesma xente.
Iso ten implicacións evidentes a nivel de liberdades de usuario, pero tamén implica complexidades relacionadas coa moderación e co indexado de contidos (a barra de busca, para entendernos). Veremos que tanto Mastodon como Bluesky ofrecen solucións distintas a estes problemas.
QUE É MASTODON?
Cando falamos de Mastodon falamos dunha app concreta que imita a Twitter, pero a realidade é que Mastodon é só unha app máis dentro do coñecido como Fediverse (a rede formada por todas as apps que implementan o protocolo ActivityPub)...
É dicir, que cando entras en Mastodon non te conectas só con Mastodon, senón tamén con Threads (o Twitter de Meta), Wordpress (os que teñan o plugin de ActivityPub), toda unha serie de apps que non vos soarán de nada como Peertube, Pixelfed, Akkoma ou Snac2, e no futuro Tumblr.
Tamén é importante dicir que non fas conta "en Mastodon": Mastodon é o software a fundación que o mantén. Ti fas conta nun servidor de Mastodon concreto: o máis grande é mastodon.social, pero tamén está mastodon.gal, ou mastodont.cat, ou mil máis.
Como funciona ActivityPub e o Fediverse?
É unha solución feita para conectar apps moi diversas entre si. cada servidor funciona como unha rede social en si mesma perfectamente funcional e autónoma, e conéctase a outros servidores para mandar mensaxes.
O sistema está inspirado en como funciona o email.
Para entender como funciona fíxenvos este diagrama, no que Daniel publica un shitposting e agarda que o vexan os seus followers Alexandre e Vicente, estando este último nun servidor distinto.
Este é un exemplo ridiculamente resumido da comunicación entre 2 servidores, pero hai que ter en conta que no Fediverse hai miles de servidores, e todas as comunicacións fanse de servidor a servidor: se teño followers en 20 seguidores distintos, cada tweet xerará 20 chamadas.
Pros de ActivityPub:
-Pódese implementar en apps moi distintas, incluso redes sociais que previamente non estaban federadas.
-A rede é moi resistente: se un servidor cae, o resto segue a funcionar sen problemas.
-Non ten nin pode ter ningún tipo de autoridade central.
Contras de ActivityPub:
-Montarte algo pola túa conta é caro, porque tes que montar un servidor enteiro e autosuficiente.
-O admin do servidor ten moito poder. Todos os que estivesen en foros ou canles de Discord entenderán por que isto pode ser un problema.
-O teu servidor só ten acceso aos contidos de outros servidores cos que estea federado; iso fai imposíbel un sistema de busca como o que hai en Twitter, porque hai partes do Fediverse que o teu servidor directamente descoñece que existen.
QUE É BLUESKY?
Bluesky tamén é unha app que imita a Twitter, pero a diferencia de Mastodon non aparece dentro dunha rede federada como o Fediverse, senón ao revés: créase ao mesmo tempo que a súa rede. O protocolo que usa Bluesky é o ATProto e á rede chámana "ATmosphere".
Isto significa que cando fas conta en Bluesky só vas interactuar con outros usuarios de Bluesky (de momento, isto pode mudar no futuro), e é totalmente incompatíbel con ActivityPub. Se vos interesa, na web de Bluesky explican os motivos disto último.
Como funciona ATProto e a ATmosphere?
A ATmosphere non pretende tanto conectar varios servidores independentes como descentralizar Bluesky. É unha rede federada porque ti podes montar a túa movida propia, pero aquí separan datos, apps e feeds en servidores diferenciados.
Ti non montas "un servidor de Bluesky": só hai 1 Bluesky no que entra todo o mundo. O que ti montas é o que chaman un PDS (Private Data Server), que contén os teus datos de usuario pero non é funcional en si mesmo como app (non podes entrar no PDS e ver o teu feed).
Despois os datos dese PDS envíanse a un Relay ou Relé, un agregador de contido que colle todos eses chíos e forma con eles un fluxo que contén todos os chíos da rede (Pensade nun indexador tipo Google).
Cando consultas o feed, o que fai Bluesky é filtrar o que traga deste Relay.
Será máis fácil de entender cun diagrama. Neste exemplo, Daniel PDS oficial de Bluesky (bsky.social), ao igual que o seu amigo Alexandre. Vicente, en cambio, ten montado un PDS propio para el só. Alexandre e Vicente son followers de Daniel.
(Fago unha aclaración de que tanto neste diagrama como no anterior a cousa está simplificada, en ningún momento intento representar fielmente a arquitectura destas redes nin quen inicia as conexións nin nada polo estilo)
A maiores hai que ter en conta a existencia dos "custom feeds", un paso intermedio que recibe os chíos do Relay e envíachos filtrados ou organizados de X forma; os típicos feeds algorítmicos, como o "para ti" de Twitter. Hai por exemplo un que devolve todos os chíos en galego.
E a maiores tamén hai que ter en conta (que non o puxen no diagrama) que a moderación está externalizada, non se fai dende bsky.app senón que hai servidores alleos chamados "Labelers" que etiquetan o contido inapropiado para que poidas filtralo e non velo.
Pros de ATProto:
-Grazas ao Relay tes acceso a unha visión global da rede evitando a fragmentación de ActivityPub, puidendo buscar contido en toda a rede.
-Os PDS consumen poucos recursos e son baratos de manter, non é habitual depender dun servidor privado cos seus admins.
-Os feeds personalizados permiten recibir os contidos que queres, e non estás atado a un algoritmo opaco como o de Twitter (evidentemente se só queres ver os chíos da xente que segues, darache igual).
-É fácil migrar de PDS, e podes usar un dominio que teñas como nome de usuario.
Contras de ATProto:
-Só estás federado con Bluesky.
-O Relay é a principal virtude pero tamén o principal punto débil, é en certo modo un elemento centralizador da rede. Montar un Relay alternativo sería posíbel pero carísimo, e se alguén tumba o Relay de Bluesky, a rede cae.
QUE IMPLICACIÓNS TEN ISTO?
A forma que teñen ActivityPub e ATProto de federar supoñen cambios na estrutura da rede e a moderación de contidos.
O Fediverse é unha rede de aldeas galas, cada unha coa súa lóxica interna, mentres que a ATmosphere é un Twitter descentralizado.
Por resumilo, se buscas fuxir do carácter masivo de Twitter e procuras unha experiencia baseada en comunidades locais, máis semellante aos foros e chats de antano, Mastodon (ou calquera outra rede do Fediverse) é a mellor opción para ti. Pero...
... se o que buscas é unha experiencia tipo Twitter de "aldea global", onde todo o mundo está conectado con todo o mundo, e aínda que valoras non depender dunha única empresa tampouco queres complicarte a vida escollendo servidores e sufrindo dramas de admins, escolle Bluesky.
Actualización 2026-04-04
O que escribín neste fío tiña sentido cando o escribín, mais varias cousas quedaron desactualizadas. Concretamente:
- Dixen que montar un servidor do Fediverso é caro. Iso é verdade se a idea é montar un servidor de Mastodon con moitos usuarios, mais en realidade hai alternativas que consumen moitísimo menos para instancias unipersoais ou de poucos usuarios. De feito, hai quen fixo un bot do Fediverso con literalmente 1 ficheiro PHP.
- Comentei que "só hai 1 Bluesky". Tecnicamente é certo, pero hai outras alternativas na mesma rede como Blacksky, Eurosky ou Wafrn, polo que non estás só federado con Bluesky.
- Os Relays de Bluesky xa non son tan caros como o eran daquela, e xa hai varios na rede.
- A día de hoxe existe Wafrn, que é unha rede que implementa tanto ActivityPub como ATProto, polo que é compatíbel con ambas redes. Até onde eu sei é o único caso, e dada a deriva de Bluesky cara o vibecoding, tal vez isto mude no futuro.
Tags: twitter