Sitio persoal de Coegho

Este é meu sitio web persoal, que uso para gardar información e cousas de interese que non quero que se perdan na inmensidade das redes sociais. Os meus principais intereses son a programación e a política, así que agarda atopar bastante diso por aquí.



Proxectos persoais

Aquí publicarei algúns dos proxectos que fun facendo pola miña conta os últimos anos. Non todos van ser bos e a maioría están sen rematar, así que non xulguedes.

pontevedra.social

Axenda online para publicación de eventos e actividades por parte de coletivos organizados, tanto en Pontevedra cidade como na comarca de Pontevedra. Creado con Gancio, e accesíbel dende a web, dende o Fediverso (@calendario@pontevedra.social), RSS, calquera app de calendario que permita calendarios remotos, así como Telegram e Bluesky.

Captura de pontevedra.social. O subtítulo é 'Axenda compartida para coletivos autoorganizados na comarca de Pontevedra'. Vense os meses de setembro e outubro, e enriba un cadro de busca e varios filtros por concello.

As Herbas de San Xoán

O primeiro xogo que fixen en Godot, é un maze game que consiste en atopar as herbas de San Xoán no medio da fraga antes de que te atrapen as criaturas da noite. Está dispoñíbel para xogar en itch.io dende o navegador. O código está dispoñíbel en Github.

Errepegá

O meu segundo xogo publicado, é un RPG moi sinxelo e breve que fixen para a Amorodo Jam 2025. Está inspirado na segunda xeración de Pokémon. Tamén se pode xogar dende o navegador en itch.io. O código está en Github.

Traducións ao galego

Montei unha instancia de Weblate na que aloxo os proxectos de tradución ao galego que comezo. 100% aberta ao público, calquera persoa que queira contribuír é benvida.

Fotograma do menú principal do Tzar en galego. Vese como saen as opcións 'Un xogador', 'Multixogador', 'Preferencias', 'Créditos' e 'Saír'.