Sitio persoal de Coegho

Este é meu sitio web persoal, que uso para gardar información e cousas de interese que non quero que se perdan na inmensidade das redes sociais. Os meus principais intereses son a programación e a política, así que agarda atopar bastante diso por aquí.



Webbed: o xogo da araña

Desenvolto por: Sbug Games

Data de lanzamento: 2021-09-09

Levaba xa tempo dándolle voltas á idea de comezar a escribir no meu blogue, e que deixase de ser un recopilatorio de proxectos a medio facer ou abandonados e comezase a ter tamén artigos. Teño algo de experiencia escribíndoos, mais é a primeira vez que me poño a facer un sobre un videoxogo.

Máis alá da procrastinación, o que si que tiña claro é que o primeiro xogo a reseñar tiña que ser o Webbed, desenvolvido por Sbug Games. O cal é irónico, xa que nunca fun eu moi amigo das arañas, mais este xogo ben o merece.

O resumo é moi sinxelo: en Webbed xogamos como unha pequena arañiña que se move polo mundo tecendo fíos e arañeiras, xa sexa para desprazarse ou para resolver puzzles. A historia comeza cando un paxaro salvaxe captura a súa parella (unha araña macho que solta fíos das cores do arco da vella), e a nosa protagonista decide comezar unha aventura para recuperala. No proceso deberá aliarse cunha colonia de formigas filocomunistas, unha colmea de abellas monárquicas, e finalmente unha vila de escaravellos peloteiros.

Durante o xogo, a mecánica xira en torno a dúas accións: lanzar fíos para balanzarse e chegar a sitios altos e arrastrar cousas, e tecer fíos entre dous puntos para facer de ponte ou suxeitar cousas. A maiores, podemos disparar un pequeno láser que rompe os fíos que xa fixemos. O xogo mecanicamente non pode ser máis sinxelo, pero a dificultade irá aumentando co tempo coa aparición de trampas, caídas sen fondo e outras ameazas ambientais.

Webbed é a demonstración empírica de que un xogo non ten que ser enorme nin demasiado ambicioso para funcionar: este é un xogo indie creado por un pequeno estudo australiano, que se pode rematar en menos de 10 horas, e ten a virtude de saber exactamente o que quere ser e non ser nada máis que iso. Persoalmente podo dicir que é un dos meus xogos preferidos, téndoo rematado xa varias veces e algunha delas facendo stream. A historia é sinxela pero moi simpática, ten unha banda sonora agradábel e uns fondos ben coloridos, e é un xogo que se pode xogar de forma totalmente non violenta (as únicas vítimas no noso camiño son unha banda de moscas, e nas nosas mans está decidir se as comemos ou deixamos vivir).

Así como extra hai dous detalles que me gustaría engadir antes de fechar. Por un lado, sendo un estudo australiano, o xogo abre facendo un recoñecemento dos povos aborixes que eran os donos das terras nas que viven os creadores, algo que xa vin máis veces por parte de creadores de Australia mais que sempre é unha como mínimo unha declaración de intencións. Por outro lado, sendo un xogo sobre arañas, os de Sbug Games tiveron a ben meterlle un modo aracnófobo, no que as arañas desaparecen e no seu lugar só se ben esferas con ollos, o cal faino accesíbel a un público maior.

O xogo atópase en Steam e en GOG, que é onde o merquei eu. Custa menos de 10 pavos e vale cada euro que custa. Tamén sacaron os seus creadores o Isopod, hai uns meses, o cal rematei hai pouco e seguramente reseñe nalgún momento. Se queredes un xoguiño curto e lixeiro que vos deixe bo sabor de boca, esta é sen dúbida a miña recomendación.

Tags: videoxogos, webbed