Sitio persoal de Coegho

Este é meu sitio web persoal, que uso para gardar información e cousas de interese que non quero que se perdan na inmensidade das redes sociais. Os meus principais intereses son a programación e a política, así que agarda atopar bastante diso por aquí.



Vivimos na distopía da que nos advertiron

"0.000% of Communism has been built. Evil child-murdering billionaires still rule the world with a shit-eating grin." - Disco Elysium

Non fai falla ser un xenio para decatarse de que a nosa civilización dá noxo. Mais si que me atrevería a dicir que entender como funciona o mundo hoxe (aínda que só sexa parcialmente) é case un cognitohazard a estas alturas.

Xa non é só que vivamos nun sistema capitalista dominado polo férreo puño de megacorporacións, que as nosas vidas sexan un afterthought irrelevante en comparación con manter o marxe de ganancias do Capital, que os medios de comunicación estean comprados e só sirvan a intereses privados ou que o sistema faga uso libre do fascismo para manter o negocio; non, todo isto xa pasaba o século pasado e non é novidade agora.

A verdadeira novidade deste século e desta era (propiciada polo avance tecnolóxico) é a capacidade técnica para dominar todas e cada unha das esferas da nosa vida. O tecnofascismo xa é unha realidade que permea toda a nosa sociedade, altamente dependente de internet e as chamadas "novas tecnoloxías" (chamadas de novas aínda que xa leven décadas connosco).

A hexemonía das Big Tech

A inmensa maioría do tráfico das redes (polo menos no mundo occidental) pasa a través dun pequeno feixe de xigantes tecnolóxicos: Google, Amazon, Apple, Microsoft, Meta. O tempo do internet estilo Wild West, descentralizado e case anárquico, morreu hai bastantes anos. Concretamente morreu cando o Capital descubriu o seu potencial de negocio e decidiu que era demasiado valioso para deixalo en mans de afeccionados e frikis informáticos. O tempo da captación de clientes xa rematou: o proceso de enmerdificación xa vai a toda máquina, e cada día observamos como se intensifican as formas na que as plataformas exprimen os seus usuarios como limóns.

Entraches nas redes sociais para estar en contacto cos teus amigos e coñecer xente? Mala sorte, xa non estamos no 2010: agora a súa función é curar o teu feed algoritmicamente para manterte enganchado ao móbil e venderche cousas, ou directamente manipularte en surrealistas batallas culturais. Os teus amigos son irrelevantes e ti tamén. De feito, os creadores de contido tamén son irrelevantes: mellor substituílos por contido xerado por IA, que é máis fácil de controlar e non pide cartos polo seu traballo.

Unha conversa cun amigo por MDs de Instagram? Meta sabe do que falas, e vaino usar para venderche cousas, ou venderte a ti. De feito, o simple feito de ter a app instalada xa pode ser un risco de seguridade. As páxinas web que visitas? Google monitoriza a túa navegación. A década pasada xa podían trackearte a través dos ads de Google e o botón de "ségueme" de Facebook, mais o proceso foise facendo máis e máis fino cos anos. Usas Google Chrome como navegador? Tes un Firestick de Amazon? Un iPhone? É difícil saber canta información recollen sobre ti exactamente, mais por que motivo non ían facelo?

Entón que cambiou?

Un argumento habitual hai anos para desbotar teorías sobre a vixilancia e control da poboación era que non era loxisticamente viábel, pois se tes que poñer un axente a espiar a cada persoa, os números simplemente non dan. Este razoamento tan simple, que tiña todo o sentido no seu momento e servía para combater as teorías da conspiración, hoxe simplemente non funciona. Xa non é preciso poñer un axente do CNI pinchando unha liña do teléfono: as Big Tech xa teñen toda a información de nós que precisan, e modelos computacionais capaces de procesar masivamente esta información para crear perfís e automatizar procesos. Isto é tecnoloxicamente viábel a día de hoxe, e de feito xa está sucedendo.

E non nos enganemos e pensemos que isto é só pola pasta: tal vez antes estas empresas movíanse só polos cartos, mais a día de hoxe xa coñecementos tamén das súas ambicións políticas, como os novos burgueses con ideas sobre como debería funcionar a sociedade (curiosamente con eles á cima) e cero escrúpulos á hora de empregar as súas ferramentas para acumular capital político. Non é casual que toda esta merda veña da man do auxe da ultradereita e o fascismo a nivel global, aínda que ás veces é difícil determinar se foi antes o ovo ou a galiña; máis ben ambas son manifestacións dun mesmo proceso político e económico.

Así, os perfís de usuario que antes se usaban para vender anuncios personalizados agora serven para trazar perfís políticos e silenciar disidentes. A app que levaba rexistro dos ciclos menstruais das súas usuarias agora serve de delator detectando posíbeis abortos ilegais en países con governos "conservadores", levando a estas mulleres ao xulgado. As redes sociais corporativas borran a diario contas que denuncian o xenocidio palestino, e impulsan o discurso da extrema dereita. Podemos imaxinar o impacto que pode ter esta monitorización masiva en usuarios migrantes que non teñan a súa situación legal regularizada, ou en militantes e activistas políticos.

A día de hoxe hai un governo de extrema dereita en Estados Unidos, que é onde se atopan todas estas empresas; mais non nos enganemos e pensemos que isto non acabará chegando tamén á vella Europa antes ou despois. Escoitei varias veces o argumento de "o día que chegue Vox ao governo" para alertar sobre estas cousas, mais realmente alguén pensa que vai ser moi distinto co "progresista" governo actual? Que consecuencias pode ter isto no futuro inmediato, dirixíndonos como nos dixirimos a un novo escenario de crise, nun mundo no que a diario nos ameazan con que non farán falla traballadores (mentira, mais intentar vano intentar), devorado polo fascismo e cunha destrución xeralizada do movemento obreiro internacional?

As compañías que se encargan da parte técnica disto conseguiron convencer a boa parte da poboación de que, como a súa prioridade é o negocio, non había problema en darlles acceso á nosa información privada, pois o peor que podía pasar era que nos saísen anuncios personalizados. O tempo demostrou que non tiñan problema en facer negocio vendendo aos seus usuarios ao fascismo primeiro, ou usándoos eles mesmos para facer política no seu favor despois.

E non podemos simplemente marchar?

Hai outra diferencia importante con respecto a hai 20 anos: a omnipresencia deste modelo.

Xa non se trata só de que a inmensa maioría da xente usa redes sociais (a excepción dos sectores máis avellentados da poboación). Non se trata sequera do hábito destas empresas de crear "perfís pantasma" coa información que acumulan de persoas que non teñen conta nas súas plataformas. É que a día de hoxe é inescapábel entrar no xogo para ter unha vida medianamente normal!

Queres abrir unha conta do banco? Moi ben, precisamos o teu enderezo de correo electrónico. Ten que ser un enderezo válido, e como non sexa un dos grandes, prepárate para ter problemas de comunicación e que todos os teus correos sexan catalogados de spam. Vas encargar comida a domicilio? Baixa a app. Queres facer un trámite burocrático? Terás que facelo dixitalmente, xa non ofrecemos opción presencial, ou ofrecémola pero con tantas trabas que non é práctica. Queres coller un avión? Moi ben, baixa a app para facer o check-in. Reservar unha cita médica? Por favor, usa a app correspondente. Que de onde podes sacar esta app, dis? Pois da Play Store, a marketplace de apps de Google, para a que evidentemente precisarás unha conta de Google. A túa app seguramente non vai funcionar se non tes o servizos de Google activados por certo, aínda que a instales fóra da Play Store. E falando diso, en breves ímosche impedir instalar aplicacións por fóra da Play Store, pola túa seguridade, por suposto. Ah, que non usas android senón iPhone? Pois o mesmo pero con Apple, ou incluso peor.

E non acaba aquí a cousa. Atrás quedaron os tempos nos que podías mercar un ordenador, instalarlle Windows XP e facer unha conta de usuario local. Agora a tendencia é obrigarche a ter unha conta de Microsoft (ou Apple se usas un Mac, ou Google se usas Chrome OS), e todo apunta a que nun futuro a idea será que esta conta te identifique con DNI e todo, para ter a túa identidade. A escusa? Protexer os menores, disque. Toda a preocupación polos menores que pode ter o clube de Epstein. Que cada un crea o que queira crer, supoño. E non pensemos nin por un momento que Linux está a salvo de todo isto.

O certo é que non hai escapatoria, polo menos non a título individual. Antes alguén podía dicir "deixa o ordenador e volve ao mundo real": a día de hoxe non hai barreira entre vida real e vida dixital, é todo o mesmo. A nosa identidade é dixital, o noso diñeiro é dixital, a nosa vida social é dixital, o noso ocio é dixital. Abandonar o mundo dixital é equivalente a día de hoxe a fuxir da civilización e ir vivir ao monte.

Entón que nos queda?

A organización e acción colectiva e a intelixencia política, por suposto.

Case todo o que comentei neste artigo fai referencia ao entramado político e empresarial que garante a nosa vixilancia, clasificación e determina o que vemos e escoitamos. Isto de por si é bastante grave, pero só é unha peza máis dentro do imperialismo global no que vivimos marcado pola decadencia norteamericana, cunha crecente militarización da sociedade, unha fascistización do discurso público e unha mingua constante das rendas do traballo en comparación coas rendas do capital. Que nos poñan nunha lista negra polas nosas opinións por redes é sinistro, mais non é nada se o comparamos co risco que vive un palestino ou un iraní de que un dron dirixido por un algoritmo de machine learning o sinale como "obxectivo militar" e o mate a tiros. Mais é importante ter en conta que todo isto forma parte do mesmo sistema e en moitos casos teñen ao final os mesmos culpábeis, e que o búmerang imperial existe para lembrarnos que nunca estamos realmente a salvo de vivir os horrores que os nosos governos inflinxen noutros.

Se realmente estamos preocupados polo camiño que está tomando este mundo, só hai unha opción: organizarse. Construír e apoiar alternativas aos servizos dixitais das grandes compañías. Tecer redes de apoio colectivas, facer comunidade fóra das redes. Organizarse en asociacións, sindicatos e partidos que sexan decididamente antiimperialistas e ofrezan alternativas reais ao statu quo capitalista. Volver falar de política, non deixar que os poderosos nos marquen o noso pensamento. Combater a indiferencia e a apatía, e normalizar romper as regras cando haxa que facelo.

Non imos mudar isto con eleccións, nin con boicotes, nin con protestas. Como moito, con isto podemos reducir e frear o seu impacto. Mais se queremos realmente estar na posición de dar a batalla, encararnos cos horrores do mundo e intentar construír algo novo no seu lugar, primeiro temos que ter unha base sólida sobre a que traballar. E a iso temos que contribuír todos aqueles que decidimos vivir cos ollos abertos (aínda que moitas veces apeteza fechalos), contribuíndo sempre na medida das nosas posibilidades e nos espazos onde realmente poidamos ser útiles, mais sen caer nunca na desesperanza e na claudicación. Eu pola miña parte, dende logo, decido vivir coa angustia de saber a onde nos leva o mundo, antes que vivir coa mala conciencia de ignoralo.

Tags: política, tecnoloxía