Sitio persoal de Coegho

Este é meu sitio web persoal, que uso para gardar información e cousas de interese que non quero que se perdan na inmensidade das redes sociais. Os meus principais intereses son a programación e a política, así que agarda atopar bastante diso por aquí.



Como sobrevivir nas redes sociais

Levo usando redes sociais dende o instituto, alá polos anos 10 deste século, e dende entón probei varias: primeiro o desaparecido Tuenti, despois Facebook, Twitter, Instagram, e finalmente Mastodon e Bluesky. Cada unha ten as súas particularidades e diferencias, tanto a nivel de deseño, funcionamento e tamén na chamada "cultura" de cada comunidade, mais co tempo fun aprendendo unha serie de regras non escritas que considero que son fundamentais para moverse por aí sen acabar toleando nin meténdose en leas.

A maioría destas "regras" oscilan entre normas de cortesía entre usuarios (o que os que comezamos a ter canas chamamos a netiqueta) e advertencias sobre un uso responsábel para protexerse de situacións desagradábeis. Non as vexades como unha imposición senón como unha recomendación amistosa baseada na experiencia, que opto por poñer por escrito porque en moitos casos non son evidentes.

Vounas clasificar en 3 grupos: os principios de privacidade, que habería que considerar en calquera uso das redes sociais (ou incluso de internet en xeral); as regras de netiqueta, ou como ser unha persoa medio decente ao tratar con outros internautas; e as regras de supervivencia nas redes corporativas, é dicir, aquelas que se rixen por un algoritmo opaco deseñado por unha empresa.

Privacidade

Todo o que subas a internet deixa de estar baixo o teu control.

Iso significa que todo o que compartas vai poder ser accesíbel por terceiros, e nese momento perderás a capacidade de limitar a súa difusión. Isto é especialmente evidente no caso de publicacións "públicas" (valla a redundancia) en redes sociais, nas que calquera persoa pode acceder a elas, mais tamén se aplica a nivel máis privado: se lle mandamos unha foto privada ou información confidencial a un contacto de WhatsApp, ese contacto pode perfectamente gardar esa foto ou info queiramos ou non e facer o que queira con ela. Aínda no caso de que sexa unha persoa de fiar, nada nos asegura que o seu teléfono ou ordenador non vaian ser comprometidos (porque deixou a sesión aberta nun pc do traballo, porque lle roubaron o móbil, porque instalou unha app que non debía...). E incluso se isto non sucede, nada nos garante que o propio WhatsApp non vaia ser o problema, por exemplo por unha filtración de datos privados, ou porque os usaron para "adestrar" un LLM. En calquera caso, a seguridade de todo o proceso é igual ao punto máis fraco da cadea.

Antes de subir nada ás redes considera o impacto que tería que se fixese público.

Por exemplo, eu uso esta clasificación aproximada:

Nunca renuncies ao anonimato, aínda que sexa parcial.

Coa escusa de "protexer a infancia" estase promovendo a idea de que a forma de estar seguros en redes é que todo o mundo estea identificado 24/7 e co carné de identidade entre os dentes. Isto é unha aberracción, xa que o anonimato é o que nos permite expresarnos con certa liberdade (non plena, iso si) sen medo a que nos fagan doxxing, que poida levarnos a ser difamados publicamente, perder o traballo, ou incluso facer que corra perigo a nosa integridade física. Existen protocolos a nivel policial para identificar usuarios no marco da investigación dun delito, porque o anonimato case nunca é absoluto nin incondicional, mais iso non significa que sexa unha boa idea que todo o mundo estea permanentemente identificado por todo o mundo, e os que pensan que si non son conscientes da escala que ten internet e o seu impacto nas nosas vidas.

Netiqueta

Non fagas á xente dixitalmente o que non farías na vida real.

A comunicación por redes é impersoal e adoita provocar unha certa deshumanización do interlocutor, mais non debemos esquecer que (na maioría dos casos) estamos falando con persoas tan reais coma nós, que actúan de forma que ten sentido para eles. Non é boa idea presupoñer mala fe por sistema en todo aquel que nos leve a contraria, nin asumir que a xente é idiota por non pensar coma nós.

Tes todo o dereito a protexerte en internet.

Iso significa que debes empregar as ferramentas de privacidade que as redes que utilices proporcionen, xa sexa silenciar usuarios, bloquealos, denunciar contido daniño, o que sexa necesario. Se estás nunha rede que non dispón deste tipo de ferramentas, é unha rede perigosa: deberías marchar de aí canto antes.

Non tes a obriga de escoitar a ninguén.

Semellante á anterior mais non igual. Se alguén che incordia ou non queres ler o que di, tes todo o dereito a silencialo ou bloquealo, e ninguén che pode dicir nada. Haberá quen defenda que iso é "censura", mais iso só ten sentido se entras nas redes coa intención de discutir, que non adoita ser o caso (ou non debería). Poñer límites é unha práctica saudábel e positiva para a nosa saúde mental.

Ninguén ten a obriga de escoitarte a ti.

A regra anterior tamén ten o seu reverso: acepta cando alguén decide ignorarte e segue coa túa vida. Non fagas un circo e finxas alegría cando alguén te bloqueou nunha discusión: adoita ser bastante vergoñento para todos os demais. "Ninguén che debe nada" é un argumento que tal vez sexa controvertido e individualista no mundo real, mais cos descoñecidos de internet é unha verdade universal.

Unha persoa non é todo o mundo.

Non podemos presupoñer que unha opinión é cuantitativamente relevante porque vemos a un feixe de persoas repetila: as redes tenden a ser efectivamente cámaras de eco, e iso non é necesariamente malo per se, mais non debe esquecerse tampouco. Pola contra, tampouco debemos presupoñer a opinión dunha persoa porque "ten vibras" de outra opinión que escoitamos antes. E máis concretamente, se vemos defender á vez dúas posicións A e B que son contraditorias, non é porque esteamos rodeados de imbéciles: o máis probábel é que vexamos persoas que defenden a posición A, e outras persoas distintas que defenden a posición B.

Non todo o mundo está nas redes, nin nas mesmas redes, nin nas mesmas comunidades dentro desas redes.

A maioría da xente non se entera dos trends, e os que se enteran reciben só unha parte moi fragmentada dos mesmos. Aparte diso, as redes poden espallar determinados discursos e argumentarios e conseguir que se filtren ao mundo real, mais de ningún modo crean consensos: que algo se discutira fervorosamente no teu feed e sentises que se "chegase a unha conclusión" non significa absolutamente nada no mundo real, nin sequera na propia rede.

Non pasa nada por recoñecer a ignorancia propia.

Isto aplícase ao mundo real en realidade, pero é relevante á hora de non xerar ruído nas redes. Ninguén sabe de todo e non nos van quitar puntos por recoñecer que non temos idea de algún tema. Antes de darlle a publicar, é bo pararse a pensar: aporta algo isto que vou dicir?

As plataformas corporativas

As empresas viven da túa retención

A regra de ouro das redes corporativas é esta: a empresa vive de mostrarche anuncios; canto máis tempo pases na plataforma, máis anuncios consumes; por tanto, canto máis tempo pases, máis diñeiro gañan. Case toda a lóxica destas empresas funciona en base a esa premisa, e o principal recurso que colleitan estas plataformas é a retención, é dicir, a túa atención. O motivo da túa atención é o de menos.

Ti non decides o que ves: a empresa decídeo por ti.

A idea é que recibas aquilo que máis che interesa, mais non é completamente certo: seguindo coa primeira regra, recibirás aquilo que calculen que provocará unha maior retención e engagement, é dicir, que non só consumas senón que tamén participes de algún modo, xa sexa compartindo ou comentando. Noutros tempos o teu feed estaba determinado polas túas amizades e as contas que seguías, mais iso xa non funciona así na maioría de redes corporativas.

Non caias no ragebait.

Unha das prácticas máis lucrativas nestas redes é o ragebait. Se les alguén dicindo algo tan absolutamente demencial que resulta imposíbel concibir que poida ser tan estúpido, é porque en realidade non o é: está provocándote para que entres ao trapo, para que lle respondas, para que compartas con indignación. O simple feito de entrar no seu xogo implica que xa gañou e ti perdiches, pois el levou o engagement (e con el os cartos) e ti quedaches de mala hostia. Esta é unha táctica habitual da ultradereita, mais non é exclusiva dela.

A empresa resérvase o dereito de restrinxir ou promover contidos segundo lle beneficie.

As plataformas corporativas, como servizos privados que son, responden a intereses económicos e en moitos casos políticos. Iso significa por exemplo que é menos probábel que as túas publicacións sexan vistas por outros se conteñen enlaces externos (pois está no seu interese que non saias nunca da plataforma), e que pola contra promovan contidos que promovan as súas campañas. Non foi nin será nunca un terreo neutral.

Moito do contido que vas ver foi feito por bots.

Xa sei que antes dixen que a maioría da xente coa que interactuamos son persoas reais coma nós; pois ben, nas redes corporativas isto non é totalmente verdade. Moitos usuarios son ou contas falsas (levadas por ducias por persoas contratadas coa intención de promover determinadas narrativas por redes) ou directamente bots.

Se vives disto: nunca poñas todos os ovos na mesma cesta.

Supoñamos que tes que usar redes sociais como Instagram, Twitter ou Tiktok porque tes que vender algunha cousa, xa sexa porque buscas traballo, vendes ilustracións, tes unha tenda ou o que sexa. Nunca dependas de ningunha rede en concreto, xa que como xa se dixo antes, non vas ter ningún control sobre o seu algoritmo: a empresa decidirá se vas ter visibilidade ou non, polo xeral de forma totalmente opaca para ti. Se tes mala sorte, pode incluso que che borren a conta. Utiliza varias redes distintas, nunca deixes que as redes che leven máis tempo e traballo do que lles corresponde, e intenta ter sempre unha opción permanente baixo o teu control: un blogue en Wordpress, unha tenda online en Prestashop, etc.

Tags: redesSociais, netiqueta