A quen non lle pasou?
Quedan dúas semanas para comezar as vacacións. Levas varios meses cargando cunha parte significativa dos proxectos nos que participas na empresa, tanto en esforzo como a nivel cognitivo. Varias cousas dependen de ti, pois os teus compañeiros descoñecen o funcionamento de varias partes do código: nalgúns casos porque só ti traballaches nelas, noutros casos porque os que sabían xa non están no proxecto ou directamente deixaron a empresa.
Aínda tes unha boa carga de traballo por diante: as túas vacacións son inminentes, mais antes tes que lidar co traballo de outros que as colleron antes ca ti. Dende arriba insisten: deixa todo listo antes de marchar. Non queremos ter que chamarte cando estás fóra. Definitivamente ti tampouco queres que te chamen. Sen problema, pensas: canto pode custar dar un último empurrón?
O certo é que xa levas tempo canso. As vacacións tardaron moito en chegar, e non é un traballo que che entusiasme demasiado. Non pasa nada, non é a primeira vez que traballas nalgo que non che gusta. Chegan novos tickets con tarefas pendentes. O xefe de proxecto habitual non está e quedou outro veterano no seu sitio. Ten o mal hábito de describir moi vagamente o que hai que facer, pois é dos que acaban rápido. Non pasa nada, non é a primeira vez que tes que analizar o que che din para entender que carallo é o que hai que facer.
Con esforzo, logras rematar a primeira das tarefas. Procedes a subir os cambios a un entorno de preproducción para facer probas, non vaia ser. A subida estoupa por todos lados: alguén subiu cousas directamente a producción sen pasar por preprodución, que agora entran en conflito con outras cousas que se subiron a preproducción mais sen acabar subirse a produción. Tradución: alguén cagou no código e vaiche tocar limpalo. Pero non pasa nada, non é a primeira vez que tes que resolver conflitos causados por outras persoas (aínda que non lembras que acabase nunca ben).
Que é todo isto? Nada semella ter sentido. Analizas o historial de cambios e atopas rapidamente o culpábel: un dos teus compañeiros ceibou un axente IA sen saber moi ben o que estaba facendo, e sen levar bolsa para limpar as caquiñas (discúlpádeme a insistencia na metáfora escatolóxica). Preguntas polo chat de grupo quen subiu isto e cal é a lóxica que hai detrás. A resposta do autor fala dos cambios en terceira persoa: "entendo que fixo isto por isto outro", confirmando a teoría da IA sen correa. O autor, por certo, é o xefe de proxecto sustituto, polo que a posibilidade de convencelo de que arranxe o que rompeu semella remota; os primeiros intentos nesta liña rematan en máis subidas feitas por IA incluso máis retorcidas que a orixinal. Mais non pasa nada, tocará ler, entender e refactorizar; vai custar un pouco entender o código que nin os seus autores entenden, mais non é unha opción quedar bloqueado. Hai moito que sacar adiante antes de marchar de vacacións.
Xa levas varios días con cada vez menos forzas. Pensas: cando volve o xefe de proxecto? Polo menos describe ben as tarefas e non fai subidas que rompan o código. Pensas tamén: canto falta para as vacacións? Darei feito para sacar todo isto? Se non o saco a tempo o problema é deles, dis. Outra nova subida: agora a IA xa non se conformou con cagar en partes do código que che dan igual, tamén o fixo en código que fixeches ti e estaba da túa man. Iso si que non, pensas: co traballo que me deu non vou deixar que o estrague alguén que non sabe nin como funciona. Entras ao trapo no chat: quen subiu isto e por que? As respostas son pouco convincentes, e rematan nun: "se non o ves ben podes cambialo". E tamén podo partirche a puta cabeza, pensas. Pero non o dis. Non queres líos antes das vacacións. Non pasa nada, pensas: só hai que desfacer estes cambios e seguir cos tickets pendentes.
Falta unha semana para as vacacións e cada día todo se volve máis insoportábel. Cousas que antes eran como moito un pequeno incordio agora provócanche unha ira xenuína. Cada vez que alguén che manda unha mensaxe por chat, resoplas e dis: pero que pasa agora? Cada vez que soa o son de aviso dun correo, berras: xa chegou! Cada vez que un programa se bloquea, hai un risco significativo de que ouvees e lle metas unha hostia á mesa. Dá igual que non teña que ver contigo: todo é o teu inimigo neste momento, o mundo está na túa contra. Só queres desconectar todo isto e irte deitar antes de tirar o computador pola fiestra.
E entón daste de conta. Daste de conta de que levas varios días sen avanzar en absolutamente nada. En parte polas interrupcións, pero en parte porque o teu cerebro non funciona. Literalmente non funciona. Pasas o día en pé andando en círculos pola sala, furioso por ter que estar aí. Sabes que tes que sacar o traballo adiante, e non queres. Negocias contigo mesmo. Vou descansar un pouco e despois póñome. Vou comer algo e despois póñome. Ese despois nunca chega. Pero que sucede? Sentas diante do ordenador, miras fixamente o código, miras fixamente a descrición do ticket. De súpeto non entendes a lingua escrita. É como estar lendo un texto e a cada palabra que les esqueces a anterior. É como vivir permanentemente no estado mental que tes cando atopas unha araña na cama, mais nun contexto de oficina.
Chega o xefe de proxecto habitual. Como van os tickets?, pregunta. Menuda desfeita se fixo mentres non estaba, comenta. Se ti souberas, respondes. Agora as cousas volverán á normalidade, poderei traballar de novo, pensas. Nunca tan equivocado estiveches. O dano está feito e non se vai recuperar inmediatamente só por eliminar a súa fonte. E o feito de que non teñas forma de explicarllo a ninguén tampouco vai axudar.
Intentas razoar. Só me quedan un par de días antes de marchar, pensas. Non sería bo deixarlles todo este cristo enriba a esta xente que non está familiarizada con estas partes do proxecto, pensas tamén. É un pequeno esforzo, por que non podo facer un pequeno esforzo? Intentas enganarte a ti mesmo. Noutros tempos teríaste fustigado concluíndo que és un vago sen remedio. Agora a racionalización é máis rebelde: non teño por que esforzarme tanto, total para o que me pagan. Soa moi ben comentado cos amigos, pero sabes que o motivo non é ese: o motivo é que o teu cerebro dixo que non. A premisa de que ti tiveches algún poder de decisión para chegar a esta situación é falsa dende o principio.
Todos os intentos fracasan, e a insistencia do xefe de proxecto para saber como vas só o empeora. Non é mal tipo, só tivo a boa (ou mala) sorte de coñecerte nun tempo no que o teu cerebro funcionaba. Definitivamente non é o caso agora. Descoñeces que estará pensando do feito de que leves semana e media metendo horas en tickets que deberían levar un par de días como moito. Tampouco é como se llo puideses explicar. E obxectivamente, sabes que el está aínda máis queimado ca ti. Valoras renunciar temporalmente aos teus principios, abrir Cursor e deixar que resolva os tickets. Non funciona: non tes forzas nin vontade para revisar, probar ou corrixir o código, e ti non tes tan poucos escrúpulos como para deixarlle ese pastel aos teus compañeiros.
Xa é o último día antes das vacacións. Intentas contarlle ao outro todas as interrupcións, confusións, conflitos e demais cristos como a causa dos paróns no teu traballo. Tal vez te crea, mais ti sabes que o problema non foi ese: o problema foi que petaches. O teu cerebro sabe que ti non podes seguir aí, que precisas urxentemente descanso, e revocouche todo rango e quitouche os mandos por pura autopreservación. A quen lle importa o traballo, a quen lle importa o proxecto, a quen lle importa a empresa, a quen lle importa ningunha desas trapalladas cando cada día tes ganas de berrar e romper cousas? En caso de incendio un non pode parar a recoller as súas cousas: a prioridade é sobrevivir. En caso de burnout un non pode parar a rematar o traballo: a prioridade, de novo, é sobrevivir. Os neurotípicos tal vez teñan o privilexio de decidir cando forzar a máquina e cando descansar, mais ti definitivamente non o tes, e o teu corpo estache lembrando quen manda aquí.
Finalmente rematas a túa última xornada antes das vacacións. Saes tardísimo de traballar, pero polo menos conseguiches darlles aos compañeiros suficiente información como para que non caia o proxecto sen ti. O xefe de proxecto diche que descanses ben nas vacacións, que se nota que che fan falta, e que te van precisar ao 100% á volta. Coméntaslle que estás até o carallo de todo. El diche que non deixes a programación, que ti tes unha cabeza privilexiada, seica. Vaiche boa! Tal vez o sexa nun bo día, mais non compensa se a contrapartida son estes momentos de colapso cerebral. Desfichas e marchas.
O problema son os de arriba, pensas. Deberían contratar máis xente e que non caia todo sobre persoas concretas. E tes razón, evidentemente. Aínda que sería moito máis gratificante se o parón fose por rebeldía de obreiro explotado e non por incapacidade psicolóxica. Que lle imos facer. Tardarás mínimo unha semana en liberarte da ansiedade inmediata do traballo e poder estar realmente de vacacións. Para recuperarte de todo precisarías como mínimo un par de meses, tal vez máis. Teño que deixar este traballo, pensas. Como se as outras empresas fosen moito mellores, pensas tamén.
Tags: saúde mental, autobiográfico