Sitio persoal de Coegho

Este é meu sitio web persoal, que uso para gardar información e cousas de interese que non quero que se perdan na inmensidade das redes sociais. Os meus principais intereses son a programación e a política, así que agarda atopar bastante diso por aquí.



A estafa do "voto útil"

Ou como nos manipulan para que votemos en contra dos nosos intereses

Parte 1 (matemáticas) | Parte 2 (política)

Achéganse as eleccións xerais no estado español e máis unha vez vannos chamar a votar. Escoitamos os mesmos argumentos que xa se repetiron nas últimas convocatorias: a "emerxencia nacional", o auxe da ultradereita, o dique de contención contra o fascismo, o "vota que nos comen los fachas".

Non serei eu quen negue a importancia de votar, pois é certo que o que temos diante é unha ameaza seria e real. Non me veredes a min defender a abstención activa ou minimizar o perigo que suporía un governo do Partido Popular, cun Feixóo botado a monte e que recupera a retórica ultra que o caracterizaba cando se presentou aquí hai case 20 anos.

Mais hai certas chamadas ao "voto útil" que escoito unha e outra vez que, por capciosas e manipuladoras, férvenme o sangue, e véxome na obriga de deixar por escrito o que penso, pois unha cousa é chamar o voto (ou pedir o voto por un partido concreto) e outra cousa é guialo con trampas e manipulacións.

O proceso electoral español é un cheo de mentiras de principio a fin, pois hai unha diferencia significativa entre como funciona verdadeiramente o sistema (montado a medida durante a transición para garantir un turnismo bipartidista e marxinar calquera opción perigosa para o réxime) e como se nos vende nos medios de comunicación. Poderíamos discutir a figura do candidato á presidencia, unha figura que non existe formalmente mais emprégase como argumento en prensa e televisión para negar espazo informativo a opcións nacionalistas e territorializadas; poderíamos discutir sobre o difuso concepto de gañar as eleccións, que na práctica non significa nada nun sistema parlamentarista no que a presidencia escóllese por maioría de deputados e deputadas; poderíamos falar tamén da representación provincial, base mesma do sistema electoral mais absolutamente ausente tanto en medios públicos como privados. Mais todos eses son temas que requerirían un artigo propio, e que teñen implicacións maiores que o conto do "voto útil", que ao final non deixa de ser propaganda electoral de partidos concretos.

Vou dividir este artigo en dúas partes: nun primeiro lugar, por que o "voto útil" é unha falsidade en si mesma, pois non é unha estratexia matemática (como ás veces din) senón psicolóxica. E en segundo lugar, por que deberíamos opoñernos a el incluso se non fose así, polas súas implicacións políticas, xunto cunha reflexión final.

Parte 1: Non existen os "votos perdidos"

O razoamento do "voto útil" é o seguinte: como hai unha ameaza real de que a ultradereita chegue ao governo, precisamos a maior cantidade posíbel de escanos de esquerda para evitalo. E como (supostamente) hai un teito electoral da esquerda en canto a número de votos, debemos "optimizar" os nosos votos para que se traduzan na maior cantidade de escanos posíbel.

Sen entrar nas implicacións de tipo político que supón o concepto de "optimizar" o voto (iso tocareino na 2ª parte), a idea que resume este pensamento é a de "non desperdiciar nin un voto", partindo da base de que o sistema electoral é inxusto pois limita artificialmente a pluralidade política co tamaño das circunscricións electorais (non entrarei en detalle en como funciona o método D'Hondt, iso queda fóra do alcance deste artigo e hai mil fontes en internet para revisalo).

En realidade non hai "votos perdidos". Ou mellor dito, todos os votos son "votos perdidos" se os consideramos individualmente, e só teñen sentido no seu conxunto. Se nunha circunscrición fan falla (falando mal e pronto) 20.000 votos para sacar 1 escano e 40.000 votos para conseguir 2 escanos, e un partido A sacou 15.000 e outro partido B 35.000, tan "perdidos" son os 15.000 votos do partido A (incapaces de conseguir o primeiro escano) como os 15.000 votos por riba da "nota de corte" do partido B (incapaces de conseguir o segundo escano). De feito, se o resultado fosen 20.000 votos para o partido A e 30.000 votos para o partido B, ambos terían escano, sen necesidade de concentrar o voto.

Por que vemos como "perdidos" só os do primeiro caso é non os do segundo? Unha das razóns é que ás veces as matemáticas son contraintuitivas para os seres humanos, mais normalmente o principal motivo é que non entendemos realmente como funciona o sistema electoral, e aplicamos unha lóxica anglosaxona: o primeiro lévao todo. Isto pode ser certo en casos como Ceuta e Melilla (onde só se xogan 1 escano), ou incluso provincias como Soria (onde só son 2 e un deles sempre vai ser do PP), mais é unha falsidade cando hai máis escanos en xogo, como é no caso galego.

Dentro deste discurso podemos atopar dúas variantes: por un lado unha chamada ao "voto táctico" habitual nos siareiros da esquerda española (a autodenominada "izquierda a la izquierda del PSOE"), facendo cálculos para intentar "hackear" o sistema; polo outro, a chamada a concentrar o "voto de esquerdas" que caracterizou o discurso do PSdeG-PSOE no noso país dende que existen as eleccións.

O "voto táctico" dos desesperados

Hai un determinado tipo de "voto útil" que non existía hai anos (mais que agora é habitual nas redes sociais) que nos vén a dicir que a nosa obriga é mirar "provincia a provincia" cal é a opción máis "táctica" para sumar escanos de esquerdas. A lóxica é a mesma que xa comentei antes (non "desperdiciar" votos), mais co engadido de que non chama a votar directamente polo PSOE, senón que deixa a porta aberta a votar por un partido ou outro dependendo da circunscrición, con maior ou menor rigor dependendo da intención do emisario.

A nada que un o pense, hai un problema de fondo con esta estratexia. Como podemos saber cal vai ser o resultado?

Todo isto debería ser evidente para calquera, mais a realidade é que moita xente se deixa arrastrar por estes "sistemas" por pura desesperación: teñen medo de que chegue a dereita, e aférranse a calquera cousa que lles dea sensación de control sobre o resultado final. Mala sorte! O noso voto por si só é insignificante, e a probabilidade de que sexa o voto decisivo é case nula. Por iso digo que este discurso non se basea en realidades matemáticas, senón na psicoloxía: é voto do medo.

Sendo honestos, a maioría da xente non pensa nestas cousas. En realidade os únicos que se deixan guiar polo "voto táctico" son os votantes de esquerdas que pasan moito tempo nas redes sociais e posibelmente teñan un problema de adicción demoscópica.

A "concentración do voto" dos bipartidistas

O clásico de toda a vida: o candidato do PSOE preséntase na vila e di que para que non gañe a dereita hai que votalo a el, porque calquera outra cousa é tirar o voto. Como vemos, é o mesmo discurso de "votos perdidos", mais esta vez máis fácil e dixeríbel: se todos votades por min, sacarei máis que se votades outras opcións.

Evidentemente se todo o mundo que non sexa do PP ou Vox vota polo PSOE, este ten garantizada a presenza na circunscrición. Pasaría o mesmo se todo o mundo votase polo BNG, por certo. Ou por Podemos, ou polo PCOE. Basicamente é pedirlle á xente elección tras elección que renuncie á súa opción política por un "ben maior".

Mais as cousas non son tan sinxelas, non si? Unha parte significativa da sociedade ten a teima de querer que a representen politicamente en vez de regalar o seu voto ao primeiro que llo pide. E ademais diso, tamén é mentira: unha maior concentración do voto no partido máis votado non garante por si só máis escanos de esquerdas. Xa puxen un exemplo antes de que matematicamente isto non sempre se cumpre, pero e se probamos cun exemplo real?

Resultados por partido nas eleccións do 2023. PP (3 escanos): 99.769 votos, PSOE (1 escano): 60.163 votos; BNG (0 escanos): 17.197 votos; Sumar (0 escanos): 10.287 votos

O exemplo de libro é a provincia de Lugo. Esta é unha circunscrición que moita xente dá por perdida para o BNG, pois o PSOE ten máis do triplo de votos e 1 deputado (ás veces 2). Na imaxe vese o resultado de cada partido nas últimas eleccións, con 99.769, 60.163, 17.197 e 10.287 votos para PP, PSOE, BNG e Sumar respectivamente.

En Lugo só hai 4 escanos, o cal supón que como moito vai haber 4 candidaturas representadas; é xa que logo unha das circunscricións difíciles para a esquerda. O primeiro escano foi para o PP (99769/1 = 99769), o segundo para o PSOE (60163/1 = 60163), o terceiro para o PP (99769/2 = 49884'5) e o cuarto para o PP tamén (99769/3 = 33256'33, que é superior aos 60163/2 = 30081'5 do PSOE e os 17197/1 = 17197 do BNG).

A lóxica que segue moita xente aquí é: o PSOE leva máis votos, polo que hai que votar polo PSOE para que lle saque o terceiro escano ao PP. E é certo (non o podemos negar tampouco) que se o PSOE sube o suficiente, iso podería chegar a suceder.

Mais ollo ao dato, porque cada escano obtido fai máis difícil sacar o seguinte:

Que é máis difícil: que o PSOE saque 2/3 dos votos do PP, ou que PSOE e BNG saquen 1/3 e 1/3 respectivamente? O total de votos é o mesmo, pero o primeiro require moita máis concentración de voto. Que é máis fácil, que os votantes do BNG renuncien e voten PSOE ou que os votantes do PSOE renuncien e voten BNG? Un candidato do PSOE dirá que o primeiro é máis probábel, mais como xa demostrei non é un problema matemático senón psicolóxico: deixar de votar BNG porque o BNG ten menos representación é literalmente unha profecía autocumplida.

Con isto estou intentando dicir que unha estratexia é mellor que a outra? En absoluto: ao que quero chegar é que ambas estratexias son absurdas pois, como xa comentei antes, non temos forma de saber o resultado que vai sacar cada candidatura até o propio día das eleccións. Deberíamos votar por quen consideremos que nos vai representar mellor, e deixar de autoenganarnos e asumir a derrota antes de comezar.

Parte 2: O voto é político

Na primeira parte tratei de desmontar os argumentos do "voto útil" con cálculos que (agardo) sexan sinxelos de seguir por calquera. Mais se o lector vai sacar unha idea deste artigo debería ser esta: o noso voto non debe ser decidido en base a criterios numéricos, senón políticos e ideolóxicos.

Nun sistema tan corrupto e inxusto como o do reino de España, o voto é das poucas formas que nos quedan de participación política. Non quero eu tampouco sublimar o voto como a manifestación última de vontade popular: tan importante ou máis que votar nas eleccións é organizarse, manifestarse, sindicarse, participar do asociacionismo local, ocupar as rúas en xeral e formar parte do movemento nacional-popular en particular.

Mais o voto non é unha perda de tempo. Se ben non vai transformar radicalmente a nosa sociedade nin vai levarnos á revolución, si que penso que é unha vía máis de resistencia, para facer fronte a recortes, privatizacións, perda de dereitos individuais e colectivos, e bloquear os maiores ataques contra a clase traballadora.

Atribúeselle ás veces a Lenin unha frase que di que as reformas son demasiado importantes para deixalas en mans dos reformistas. Descoñezo se a cita é real ou inventada, mais é bastante certa: ningunha destas loitas pode levarse adiante deixándoas en mans do PSOE e os seus sucedáneos.

Se o noso obxectivo é que non entre a ultradereita no poder (que é un obxectivo perfectamente lexítimo), partamos da base de que calquera escano de esquerda valerá para iso; mais se queremos non só ralentizar o avance do fascismo, senón facerlle fronte, teñamos claro que non nos chega para iso co PSOE.

E non nos chega non só porque o PSOE sexa timorato e teña medo de ofender aos grandes poderes do estado español. O PSOE non é covarde, o PSOE é cómplice. Forman parte do entramado mesmo do réxime, e sempre vai defender os intereses do gran capital, das grandes fortunas da España, da UE e da OTAN. Non son iguais que o PP (que sexan españolistas, capitalistas, racistas e imperialistas non significa que sexan automaticamente fascistas), pero tampouco debemos fiarnos deles, nin agora nin nunca, pois non deron en ningún momento ningún motivo para facelo.

O PSOE non só é en parte culpábel da situación actual pola súa inacción: o PSOE alimentou a situación actual porque lle beneficia. É o PSOE o que insistiu dende un primeiro momento en darlle un altofalante a Vox, porque cada vez que Santiago Abascal e os seus esbirros falan por televisión, a xente corrente arrepíase. E o PSOE a día de hoxe vive case en exclusiva do voto do medo: vótanos para que non entren eles. Non votes coa cabeza, vota cos intestinos, concretamente co colon: nada mellor que ter a xente cagada de medo para guiala cara onde eles queren.

O mal chamado "voto útil" (sexa cal sexa a súa forma) sempre vai ser un discurso antipolítico, que degrada o debate público e ocupa un espazo que debería corresponder á discusión de propostas e ideas políticas.

Non caiamos nós na trampa

Levo dende as eleccións pasadas cun runrún na cabeza que me enfada moitísimo.

Podo entender que un votante de esquerdas español entre na trampa do "voto útil", porque nas provincias castelás (aceptémolo canto antes) ningún dos partidos españois de esquerdas que se presentan ás eleccións merece que lle dean nin a hora, e é normal que a xente acabe votando polo PSOE para polo menos quedarse como están e perder 10 en vez de 1000.

O que non podo aceptar nin consentir é que nós mesmos repitamos ese discurso, que foi a ladaíña que máis nos prexudicou historicamente nas eleccións españolas, e a principal causa do chamado "voto dual" ("voto polo Bloque nas galegas e polo PSOE nas españolas"); e que de feito volverá a facernos dano unha vez máis nas circunscricións de interior.

Non me vale que os cálculos agora funcionen mellor para Pontevedra e a Coruña, non me vale que as enquisas agora nos sexan favorábeis. Francamente, impórtame un carallo. Penso que o nacionalismo ten argumentos de sobra para defender a necesidade de votalo sen ter que entrar nestas trapalladas.

Podemos falar da importancia de que Galiza teña a súa representación no congreso, e que o BNG é literalmente a única forza política que fala dos nosos problemas. Podemos falar de como o BNG é (normalmente xunto con Bildu) a única forza do congreso que mantén unha clara postura antiimperialista. Podemos falar de como todos os demais partidos de esquerda pasaron por debaixo da mesa e aceptaron unha reforma laboral que consagraba os recortes de Rajoy, podemos falar de como o PSdeG acaba de dar o visto bo cos seus votos ao decretazo contra o galego de Feixóo (agora actualizado por Rueda), podemos falar de como Sumar/Podemos deixáronnos vendidos aos galegos nos orzamentos do 2019, podemos falar de moitas cousas en realidade.

Mais o que non podemos é entrar en cada unha das trampas que nos tende o poder e que teñen como fin último garantir o bipartidismo no estado español, laminando calquera cousa que se saia deste modelo, e máis concretamente o nacionalismo.

Sexamos fiábeis e constantes, falemos da importancia das eleccións e da necesidade de que o BNG saque a mellor representación posíbel para defender as clases populares galegas, co beneficio engadido de ter na nosa man bloquear calquera posíbel governo da ultradereita. Tomémonos as cousas en serio se queremos que nos tomen en serio a nós.

Tags: politica